Sunday 28 de April de 2024

A Xunta dota as escolas cun único docente dun botón de alerta que poidan activar os nenos en caso de emerxencia


— Ao premer nel, o dispositivo envía un aviso inmediato ao 061, que despraza os medios oportunos á xeolocalización do aparato ao tempo que lle da instrucións ao nenos a través dun altofalante

— Esta ferramenta forma parte dun paquete de medidas de seguridade que se están actualizando como os programas de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) na aula e de Alerta Escolar

— Román Rodríguez salienta que se trata de elementos fundamentais para que tanto alumnos como profesores saiban actuar de xeito áxil e correcto ante unha eventualidade

— García Comesaña destacou a tranquilidade que aporta saber da existencia dun protocolo de actuación rápido e seguro

Todas as escolas de Galicia atendidas por un único docente van contar cun botón de alerta que os nenos poderán activar en caso de emerxencia. Trátase dunha nova iniciativa da Xunta dirixida ás escolas unitarias, ás escolas infantís e aos colexios rurais agrupados (CRAs) atendidos, de xeito habitual, por un profesor, tal e como explicaron hoxe os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade e de Sanidade, Román Rodríguez e Julio García Comesaña, respectivamente.

Os representantes da Xunta desprazáronse esta mañá á Escola de Educación Infantil (EEI) de Amil, en Moraña, onde puideron comprobar o funcionamento deste dispositivo que vai redundar na seguridade e na tranquilidade da comunidade educativa.

O conselleiro de Educación explicou que esta ferramenta é posible grazas á colaboración entre os departamentos de Educación e de Sanidade, que agora dan un paso máis na atención ás emerxencias nos centros escolares con iniciativas específicas “que permiten mellorar a formación de alumnado e profesorado á hora de afrontar este tipo de situacións”.

“Somos conscientes de que tanto o alumnado como o profesorado pasan unha gran parte do seu tempo nos centros educativos e por iso -abondou o conselleiro- é imprescindible saber responder de maneira áxil e axeitada a este tipo de emerxencias ou eventualidades”. Román Rodríguez lembrou tamén que as iniciativas conxuntas con Sanidade resultaron “tremendamente beneficiosas” nos peores momentos da pandemia, como o protocolo de prevención nas aulas ou a posta en marcha de Autocovid Escola e a plataforma Educovid, entre outros.

A Xunta ten dispoñibles un total de 175 botóns -151 deles xa repartidos- para aquelas escolas unitarias e as unidades dos colexios rurais agrupados onde nalgún momento do día estean os alumnos cun único profesor. Non obstante, nestes momentos estanse analizando as necesidades de cada centro caso a caso para implementar o botón en todos os lugares onde sexa necesario.

‘Alerta Escolar’ e Reanimación Cardiopulmonar
Esta iniciativa forma parte dun paquete de medidas de seguridade nos centros escolares que agora tamén se actualizan como o programa RCP na aula (Reanimación Cardiopulmonar) e o programa Alerta Escolar.

A respecto destas dúas ferramentas, Julio García Comesaña destacou que o programa Alerta escolar continúa a dar bos resultados 14 anos despois da súa posta en marcha, ao velar pola saúde de todo o alumnado galego que padece algunha patoloxía crónica. Neste senso, destacou que tanto as familias como o profesorado “gañan en tranquilidade ao saber que hai un protocolo de actuación rápido e seguro”.

Desde a súa implantación, no ano 2007, inscribíronse neste programa un total de 7.899 estudantes, que se distribúen nas seguinte patoloxías: 3.623 con alerxías, 2.603 con epilepsias, 1.006 con diabetes e outros 600 alumnos que padecen diferentes tipos de doenzas. Así, durante o presente ano, a central do 061 recibiu un total de 1.249 chamadas ao abeiro deste programa. Co ánimo de mellorar e axilizar as incricións no programa, a Xunta de Galicia vén de dixitalizar o seu sistema de xestión de altas.

No que atinxe ao programa RCP na Aula, a Xunta de Galicia vén de renovar por catro anos -prorrogables a outros catro máis-, un programa de formación no que tras instruir ao profesorado, os docentes trasládanlle aos alumnos e alumnas galegas os coñecementos vencellados aos primeiros auxilios e ao uso de desfibriladores externos automáticos.

Entre as novidades referidas a este programa, o titular de Sanidade destacou que, se ben anteriormente só se impartía ao profesorado de Educación Física, agora ampliarase ao conxunto do profesorado e, ademais, a Xunta de Galicia emitirá títulos formativos, a cada un dos profesionais do ensino que superen a formación.

Funcionamento do botón de alerta
Todos os centros que cumpran cos requisitos disporán dun botón de alerta instalado na parede da súa aula que os alumnos poden premer se o seu profesor se atopa indisposto (por mor dun esvaecemento, un mareo ou outra emerxencia). Ao activalo, envíase automaticamente un aviso ao 061, que se encarga de desprazar os medios oportunos, xa que cada botón está xeolocalizado. Ademais, a través dun altofalante, o persoal do 061 pode emitir instrucións aos nenos para tranquilizalos e atendelos mentres chegan os medios de emerxencias.

Outra das funcionalidades do botón é que pode descolgarse da parede, o que pode ser útil no caso de que se estea realizando una actividade na contorna do centro no momento da urxencia.